NOTICIAS Terra de Lemos

Entroido 2018 Monforte de Lemos

A Xunta de Goberno local do concello de Monforte deulle luz verde ás bases que van regular as actividades do Entroido deste ano. O primeiro dos eventos festivos programados é o concurso do xoves de compadres, que se vai celebrar o vindeiro 1 de febreiro. Unha semana máis tarde, o 8 de febreiro, a cidade do Cabe acollerá outra das citas imprescindibles destas datas: o xoves de comadres. Ademais, as bases aprobadas esta semana polo equipo de goberno inclúen tamén o desfile de comparsas e disfraces do Martes de Entroido, que se vai celebrar o vindeiro 13 de febreiro.
 
Xoves de compadres e de comadres
 

Tanto para o concurso do xoves de compadres como para o de comadres, a concellería de Cultura ten previstas tres convocatorias. Unha delas para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual.
Á hora de decidir os gañadores teranse en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, o interese etnográfico e a crítica social. Outros dos aspectos que sumarán puntos son a posta en escena e a utilización de música en vivo. Cómpre destacar que cada un destes criterios terá unha valoración mínima do 10% e a máxima será do 25% do total da puntuación.
Tanto no caso do xoves de compadres como no de comadres, os premios para cada unha das convocatorias son os seguintes:
 
Individuais                                 Colectivos                              Premio á etnografía – 100 euros

1º premio – 65 euros                 1º premio – 95 euros             Premio á crítica social – 100 euros

2º premio – 35 euros                 2º premio – 65 euros

Accésit – 18 euros                      Accésit – 30 euros

As solicitudes para inscribirse no concurso do xoves de compadres terán que presentaranse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo para facelo remata o vindeiro o 31 de xaneiro ás 14:00 horas. No caso do xoves de comadres o último día para inscribirse é o 7 de febreiro.

 Martes de Entroido

O día grande do Entroido será o martes, 13 de febreiro. Está previsto que o desfile de comparsas e disfraces comece ás 17:00 horas na Praza da Estación e rematará na praza da Compañía.
O Concello establece dúas modalidades claramente diferenciadas: unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte e outra para os que sexan de fóra da cidade. A diferenza estará na contía dos premios, de tal xeito que o primeiro premio para as comparsas de máis de 90 compoñentes  pode chegar ós 1.000 euros e no caso das que sexan de fóra ascenderá a 350 euros.
Por outra parte, haberá premios de 100 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escea e a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.

O xurado cualificará as comparsas na propia Praza da Estación de 16:00 a 17:00 horas, mentres que os disfraces individuais deberán concentrarse nese punto da cidade ás 16:30 horas.

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Más información